A chegada do autobús de "Ruta 66" vai ser un acontecemento que revolucionará cada vila ao seu paso... montar nunha Harley Davison, voar nunha avioneta, facer un grafiti e surf ou traballar como voluntarios en actividades de corte social... son propostas non precisamente de mozos e rapaces, senón dos compoñentes deste espazo de telerrealidade para toda a familia, onde un grupo de 8 pensionistas viaxa en autobús por Galicia enteira. Guiados e asesorados polo presentador Juan Fuentes, cada martes este grupo terá unha xornada de aventura e diversión asegurada, xa que no seu percorrido recibirán todo tipo de atencións e coidados: restaurantes de luxo, balnearios, tratamentos de beleza exóticos, etc.
Para todos eles é unha experiencia vivida como única, porque fan o que nunca pensaron que chegarían a facer. Nesta ruta non falta o humor, a ilusión, a convivencia e quizais algún romance... e os nosos maiores teñen a oportunidade de desmontar os tópicos de que esta fase da vida é unha etapa de calma e ostracismo: esta viaxe será unha proba de superación persoal para cada un dos participantes e unha evidencia de que os maiores poden estar á altura de calquera reto que se lles poña por diante.
Docu-soap. Unha produción de Filmanova e Continental Producciones para TVG.
Adaptación do formato holandés “Road 66” de Strix emitido na televisión nacional portuguesa RTP.
Presentador: Juan Fuentes
Dirección: Sonia Barros. Realización: Carlos Davila, Xosé González. Guión: Paulo Conde, Paula Cons.