Ciclo é a historia dun buscavidas, dun caloteiro que se mete en choios de tres pesetas, dun perdedor en definitiva, quen sen se dar de conta entra a formar parte dun ciclo perfecto que lle escapa á súa conciencia. Nesa maquinaria cada personaxe identifícase cun can, e créase asemade outra historia paralela de cans, coches e dentaduras.
É a historia do ladrón a quen rouban, do enganador enganado.
Ciclo non ten unha localización espacial determinada, non se concreta en ningunha localidade real, aínda que temporalmente poida situarse na actualidade.
Ru ten un plan: facer unha fortuna. Proponse levar a cabo un negocio bo onde o único beneficiario sería el. Decide vender algo que outros cobizan e que el, por suposto, non ten: a fórmula da eterna xuventude. O particular elixir que Ru escolle para iso ten un parecido máis ca sospeitoso coa comida para cans. É máis: é comida para cans.
O noso protagonista pon en marcha unha engrenaxe case perfecta: un provedor de latas de carne caducadas (o Gordo, personaxe máis cobizosa se cabe que o propio Ru, porque fai negocio do desperdicio), un cambio nas etiquetas dos envases por outras que poñen "Carne nova" e un contrato vitalicio con innumerables "vantaxes" para os seus consumidores obxectivos.
Ru tense polo amo dun proceso, dun ciclo creado por el, cando en realidade descubrimos que hai outro proceso superior do que el forma parte. El mesmo pertence a outro ciclo.
Unha produción de Trisull Producciones e Portozás Visión. Co soporte da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, da Comunidade de Madrid e do ICAA.
Santiago Molero, Gonzalo Uriarte, Juan Carlos Moya, Antón Reixa, Elvira Alfaro, Luís Tosar.
Dirección: David e Tristán Ulloa. Guión: Tristán Ulloa. Produtores asociados: David Martínez, Xosé Morais, Javier Valiño, Miguel Asensio. Productor delegado: Xabier Eirís. Produción executiva: Antón Reixa, Tristán Ulloa